“Se unha depuradora funciona, non necesita un emisario submarino para verter residuos na ría”

PONTEVEDRA> Praceres están en pé de guerra contra o emisario submarino da depuradora. Os veciños están de acordo con que se melloren as condicións destas instalacións pero non coa ampliación nin con a execución dun segundo emisario submarino. Un proxecto no que a Consellería de Infraestructuras e Mobilidade vai a destinar 12 millóns de euros.

Os problemas para os veciños de Praceres non paran de crecer. A Xunta acaba de aprobar o gasto de máis de 12 millóns de euros para o proxecto do emisario submarino da depuradora. Un proxecto que, de facerse realidade, podería traer graves consecuencias a esta parroquia.

Os veciños seguen defendendo que esta depuradora de Praceres non chegou nunca a funcionar correctamente, xa que, de ser así, aseguran que non sería necesaria nin a ampliación nin a execución dun novo emisario submarino.

O anteproxecto presentado pola Xunta para esta depuradora consiste en dúas partes. A primeira, a obra terrestre, que corresponden coa execución dunha cámara de carga e estación de bombeo. A segunda, o emisario submarino. Os veciños non están de acordo nin coa ampliación nin coa execución deste emisario, por iso presentaron máis de 500 alegacións.

Ante esta situación, dende esta parroquia piden ao Concello de Pontevedra que tome cartas no asunto.

Os veciños solicitaron xa unha reunión coa conselleira de Infraestuturas, Ethel Vázquez pero, de momento non obtiveron resposta. Iso si, o 3 de setembro esperan poder manter un encontro con Costas para seguir defendendo o que consideran que é xusto. Ter unha ría saneada pero sen que iso implique destruír a súa parroquia.