Veciños do casco histórico reclaman alternativas á ampliación soterrada do Museo de Pontevedra

PONTEVEDRA> Veciños do casco histórico de Pontevedra, preocupados polos plans da Deputación de crear un espazo soterrado para ampliar o Museo Provincial na contorna da praza da Leña. Cren que se trata dunha intervención agresiva nunha zona que debería ter especial protección, como é a zona vella. Por iso están a recoller sinaturas para transmitir a súa oposición ao concello pontevedrés.

Cando a Deputación de Pontevedra plantexou a ampliación do Museo Provincial, os veciños do casco histórico non se imaxinaban o proxecto que acabaría sobre a mesa. A proposta que convenceu ao executivo é, cando menos, ambiciosa: construír un soto de dous niveis que sumará 1.900 metros cadrados ao conxunto formado polos edificios García Flórez, Castro Monteagudo e Fernández López, na contorna da céntrica Praza da Leña.

A ampliación, polo tanto, supón unha importante intervención no casco histórico e rápidamente xerou inquedanza nos veciños da contorna. Eles trasladaron as súas dúbidas ao arquitecto Enrique Barreiro, que tampouco comparte o espírito da obra.

Non entenden que, mentres as actuacións no casco vello de Pontevedra se dirixiron sempre a dinamizar e humanizar as súas rúas, se opte agora por un espazo soterrado. Defenden, ademais, que existen espazos alternativos, como o antigo edificio de Facenda aos que tamén se lles podería dar unha segunda vida.

Os veciños están a canalizar a súa oposición ao proxecto a través de pequenos escritos dirixidos ao concello de Pontevedra, co que a Deputación xa asinou un protocolo de colaboración para a cesión do subsolo para a musealización. Reclaman que se busquen alternativas menos agresivas e custosas e máis adaptadas e sostibles.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí