A cara B das “peñas”: 21 incidencias rexistradas e 22 toneladas de lixo recollidas

PONTEVEDRA> O Concello fai un balance máis que positivo da segunda fin de semana de “peñas”. Dende o goberno municipal aseguran que foi un inicio de festas máis que tranquilo e no que non se rexistraron graves incidencias. Durante a xornada do sábado rexistráronse 14 servizos e durante o domingo 7. En canto os residuos, durante toda a fin de semana recolléronse 22 toneladas de lixo.

A primeira fin de semana das Peregrinas e a segunda e última das peñas rematou, segundo o goberno municipal sen incidencias salientables. O Concello despregou un amplo servizo de seguridade entre Policía Local, Protección Civil e servizo sanitario. Durante a xornada do sábado as 4 ambulancias repartidas pola cidade rexistraron 14 servizos: 8 atencións in situ, 2 traslados por intoxicación etílica, 1 traslado por contusión e tres persoas atendidas por cortes. O domingo, o Concello contabilizou a metade de incidencias: 3 atencións in situ, outras 3 por intoxicación etílica e 2 traslados, 1 por cortes e outro por enfermidade. A corporación municipal valorou moi positivamente estes datos aínda que non rexeitaron a posibilidade de estudar outras alternativas que melloren estas cifras nos vindeiros anos.

O goberno municipal asegurou esta mañá que durante a primeira fin de semana de festas despregáronse colectores pola cidade para reducir o lixo. Unha cantidade que ascendeu ata as 14 toneladas durante a xornada do sábado e as 8 o domingo.

En canto os controis de alcoholemia, a Policía Local de Pontevedra realizou, durante a xornada do sábado máis de 400 probas. Entre estas, houbo 2 positivos en alcohol e outros 2 por drogas.