O derrube de parte dunha vivenda mantén pechado dende hai dous meses o principal acceso á Ermida

RIANXO> O derrube hai dous meses de parte dunha vivenda enriba dun camiño público no lugar de Rabado, na parroquia rianxeira do Araño, impide o paso de vehículos polo vial. Os veciños denuncian a pasividade do Concello, que a pesar do tempo transcorrido aínda non lle deu solución. Quéixanse dos prexuízos que isto lle está a ocasionar.

Dende hai dous meses aproximadamente este vial que une Rabado coa Ermida está pechado ó tráfico a consecuencia do derrubamento de parte dunha vivenda. As pedras invaden practicamente toda a pista impedindo a circulación de vehículos pola zona, co conseguinte prexuízo para moitos residentes, que deben de empregar agora rutas alternativas para poder chegar ata os seus domicilios.

Ó parecer unhas obras de canalización da traída de augas veciñal, nas que colaborou persoal do Concello, parecen ser a causa do problema.

O alcalde, Adolfo Muíños, sinalou que o Concello traballa xa para darlle unha solución o máis axiña posible, e poder reaperturar o vial, pero que esta debe realizarse con tódalas garantías, para evitar novas caídas.

Para máis adiante quedaría segundo el dirimir a responsabilidade do derrubamento e ver quen asume no futuro os gastos da actuación. Algo que visto o visto deberán aclarar os tribunais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí