A Festa da Auga volve mollar milleiros de persoas en Vilagarcía

VILAGARCÍA> Por fin chegou o día grande das festas de San Roque de Vilagarcía e unha das xornadas máis agardadas na comarca. Milleiros de persoas enchergon as rúas da vila na súa Festa da Auga. Os cubos, mangueiras e, sobre todo, o prezado líquido, foron os auténticos protagonistas da mañá.

Tras unha intensa noite de troula poucas maneiras hai mellores para espertar de golpe que esta.

Foi despois de deixar a San Roque ben gardado cando se desatou a chuvascada. Milleiros de persoas encheron as rúas de Vilagarcía co seu berro de guerra.

A Festa da Auga volveu demostrar que existen poucas citas máis populares. E é que vilagarciáns e visitantes gozan do día grande das Festas de San Roque.

Porque se hai algo que teñen claro en Vilagarcía é que a súa é a mellor festa e o seu o mellor santo.

Menos incidencias

Cara o mediodía de hoxe remataba o dispositivo especial de seguridade posto en marcha para evitar incidentes graves na Festa da Auga. O balance é positivo, xa que se rexistraron menos problemas que en anos anteriores.

Dende Emerxencias de Vilagarcía informaron de que foi preciso activar ata en 26 ocasións a ambulancia entre as 11 da noite de onte e as 12 da mañá de hoxe. Atenderon 15 intoxicacións etílicas e por drogas, catro traumatismos e feridas e dúas agresións. No 69% dos casos os protagonistas foron homes, e as intoxicacións etílicas déronse principalmente entre rapaces e rapazas de entre 16 e 19 anos. Ademais, os diferentes equipos do servizo atenderon a unhas 20 persoas con cortes e contusións.

A ambulancia medicalizada atendeu catro doentes, con dous deles trasladados ao hospital, e interviu xunto coa ambulancia de Protección Civil nunha pelexa na praza Doutor Carús. Tamén foi necesaria a participación da Policía Nacional no operativo.

Pola súa banda, a Policía Local apunta a que se reduciu notablemente o número de persoas durante a noite, que foi incrementando nos momentos previos á saída do santo. Chamadas por perdas de obxectos persoais, un menor ferido por unha caída, atender a unha moza bébeda na praia da Concha ou catro accidentes con danos materiais, foron algunhas das intervencións que realizaron os axentes durante a Festa da Auga.