O PP mantén a súa hexemonía no Barbanza a pesar do ascenso do BNG

BARBANZA> Éxito rotundo do Partido Popular tamén no Barbanza e Muros-Noia que volve ser a forza máis votada en tódolos concellos. Os resultados destas autonómicas tamén son do máis positivo para o BNG que se erixe como segunda forza en tódolos municipios, cun notable incremento da porcentaxe de voto.

O Partido Popular consolídase como primeira forza en tódolos concellos do Barbanza e Muros-Noia. Non só se mantén no liderado senón que medra en número de votos en tódolos municipios. Un resultado que mellora incluso as expectativas do partido que interpreta estes resultados como o mellor aval do electorado á xestión desenvolvida nos últimos anos á fronte da Xunta.

Máis aló da hexemonía do PP, destaca o ascenso do BNG que se converte en segunda forza en tódolos concellos da bisbarra, incrementando a porcentaxe de voto de maneira significativa en concellos como Ribeira ou Boiro.

O PSOE perde apoios en tódolos concellos agás en Lousame onde conseguiu apenas 7 votos máis ca nos comicios de 2020. 

Consolídase así no Barbanza a mesma tendencia que en toda Galicia, cun PP que resiste, un BNG á alza e un PSOE en claro retroceso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí