VILAGARCÍA> A Noite das Meigas de Vilagarcía chega con novidades este ano. Amplíase a súa duración, expándese a novos puntos da cidade e suma novas propsotas. Iso si, por primeira vez non haberá queima de bruxas.
A Noite das Meigas de Vilagarcía é un evento xa consolidado na cidade. A iniciativa naceu hai 15 anos, coa idea de prolongar ata finais de mes o espírito festivo derivado do San Roque.
E para que ese ambiente festivo continúe, Ravella decidiu reforza-la programación da Noite das Meigas. Desta volta, vaise celebrar ó longo de dúas xornadas, venres 30 e sábado 31. Ademais, alén dos espazos habituais, a iniciativa chegará tamén este ano á renovada praza da Independencia. E todo, para que o evento resulte máis atractivo a veciños e visitantes.
A noite das Meigas arrancará o venres cunha performance. Ó longo do sábado haberá pasacalles, contacontos, rituais e conxuros. Tamén se vai organizar un xogo de dinamiación económica, no que estarán implicados comercios e locais hostaleiros.
Unha das actividades xa habituais, a queima de bruxas caeu este ano do cartel. Dende o Concello entenden que esa proposta quedou xa caducada e que agora toca darlle paso a novas experiencias.