VILAGARCÍA> A iniciativa lexislativa popular para a proteccion das actividades pesqueiras e marisqueiras debaterase no Parlamento Galego o vindeiro 22 de outubro. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa fai un chamamento aos grupos políticos para que apoien o texto. Din que é un piar para a subsistencia do sector, que serviría para recoñecerlle o seu interese xeral e garantir a súa viabilidade futura.
O vindeiro 22 de outubro o Parlamento de Galicia debaterá se admite a trámite a iniciativa lexislativa popular para o recoñecemento e proteccion das actividades pesqueiras e marisqueiras. Unha proposta que busca equipar o sector a outros, declarándoo de interese xeral. Esta mañá a Platoforma en Defensa da Ría de Arousa saíu en apoio desa proposta, reivindicando que se trata dun documento esencial para o futuro do sector.
A iniciativa tamén propón que se garanta e prioricen as actividades pesqueiras e marisqueiras tradicionais fronte outras actividades que ocupe o seu espazo marítimo ou que sexa incompatible co sector.
Rubido entende que a proposta recollida na ILP é máis que razoable, partindo de que o sector precisa corpo legal.
A iniciativa conta co apoio de tódolos alcaldes de Arousa, dos concello que aprobaron en pleno apoiar a proposta, dos sindicatos CIG, CCOO e UXT, das asociacións de mulleres do mar, do sector bateeiro e da Federación Galega de Confrarías. Un apoio transversal ao que agora agardan sumar o apoio unánime dos grupos parlamentarios.
Iso si, agardan que ese apoio para que siga a súa tramitación parlamentaria non se traduza nun baleirado de contido desta iniciativa, polo ben -din- do futuro do sector.











