O alcalde de Meaño di que o bloqueo á modificación do PXOM frea o impulso económico do concello

MEAÑO> O Concello de Meaño denuncia que o bloqueo para modifica-lo PXOM está a frea-lo desenvolvemento económico do municipio. O goberno local defende que a regularización da área industrial da Pedreira permitiría consolida-las empresas xa asentadas e abriría a porta a novos negocios. O alcalde di que a decisión in extremis de retirar este asunto do último pleno, convocado de xeito extraordinario só para tratar este tema, permitiu salvar anos de traballo e lentos trámites administrativos.

O Pleno no que se ía trata-la modificación puntual do PXOM de Meaño e que acabou resultando estéril é boa mostra do espiñento que resulta este tema. Aquela sesión extraordinaria, convocada só aborda-la regulización da área industrial da Pedreira, rematou coa retirada desa cuestión. O Pleno custou case 1.500 euros e acabou sen ningún punto na orde do día.

Agora, o alcalde fai un chamamento á negociación entre os tres grupos da corporación. Di que se trata dun proxecto de futuro, que senta as bases do desenvolvemento socioeconómico da localidade. Porque ademais de poñer en orde o xa feito, di o popular, contempla unha hipotética expansión do espazo industrial.

A intención do executivo local é poñer ó día a normativa municipal que, nalgúns aspectos mesmo se contradí coa Lei do Solo de Galicia. O rexedor entende que isto xera inseguridade xurídica a tódolos niveis. Entende que o seu proxecto redundaría en beneficio de todo o Concello.

Trala particular sesión plenaria, Vieitez entende que agora é o momento de sentar a falar cos grupos da oposición. Fai un chamamento ós independentes e ós socialistas para aborda-la cuestión dun xeito construtivo.

Con todo, o alcalde indica que a súa intención coa convocatoria do Pleno do outro día era que a modificación do PXOM superase a aprobación inicial para a súa exposición pública durante dous meses para que os veciños puidesen alegar.