Veciños de Portosín reclaman a instalación dun paso de peóns

PORTO DO SON> Un grupo de veciños da localidade sonense de Portosín reclama a instalación dun paso de peóns para poder cruzar a estrada. Fartos de agardar, e cansos de dar voltas polas distintas administracións, decidiron convocar unha manifestacións para este domingo. Será as oito da tarde dende o barrio do Mariño

Cruzar a estrada AC-550, á altura da rúa David Mariño, constitúe unha verdadeira odisea… e máis na época estival, co aumento do tránsito de vehículos pola zona en dirección ás praias. A isto hai que engadirlle o perigo que isto supón para os peóns que a diario se ven obrigados a ter que cruzar para desprazarse dun lugar a outro.

A pesar de telo solicitado en reiteradas ocasións, lévano reclamando dende hai uns catro anos, sempre obtiveron a calada por resposta.

Ante esta pasividade, optaron por tomar cartas no asunto. Primeiro cunha recollida de sinaturas, logo cunha queixa ó Valedor do Pobo, que mesmo lles deu a razón, e agora en plan protesta, ata teñen convocada unha mobilización para este próximo domingo ás oito da tarde.

Dende o Concello, o alcalde, Luís Oujo, recoñeceu a perigosidade da zona debido á existencia de varias curvas. Segundo el o proxecto para a instalación dun semáforo e un paso de peóns na zona xa está redactado e entregado á Xunta, pero polo de agora non se deu a autorización correspondente.