PONTEVEDRA> O Partido Socialista de Pontevedra reclama á Xunta de Galicia que traslade a unidade de hospitalización psiquiátrica ao novo Montecelo, unha vez estean rematadas as obras. A formación alerta do posible incumprimento do compromiso inicial de Sanidade, que pasaba por trasladar ao novo edificio todos os servizos que actualmente acolle o Hospital Provincial. Segundo unhas declaracións realizadas polo xerente da área Pontevedra-Salnés, cinco servizos continuarán neste inmoble. Psiquiatría entre eles. Para os socialistas, estas instalacións non cobren as necesidades para prestar esta atención.
Unhas recentes declaracións do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés fixeron saltar as alarmas dos socialistas pontevedreses. José Flores suxeriu que non todos os servizos que actualmente están no Hospital Provincial se trasladarán ao Novo Montecelo.
Mudaranse ao novo hospital Urxencias pediátricas, Pediatría, Obstetricia, Xinecoloxía e Neuroloxía. De Oncoloxía trasladaranse as consultas pero a planta de hospitalización continuará no Provincial. De Medicina Interna só se trasladará unha porcentaxe das camas de ingresos. En canto a Psiquiatría, Paliativos e Cirurxía ambulatoria continuarán neste centro.
Os socialistas levarán o seu posicionamento ao vindeiro pleno. Será en forma de moción para reclamar, ademais do traslado de psiquiatría, que se cumpra o Plan Funcional do Gran Montecelo e que se garanta o uso sociosanitario do Provincial.
Inclúen na moción demandar á Xunta de Galicia a construción dunha residencia universitaria en Pontevedra. Aínda que non lles gusta a idea plantexada polo goberno autonómico de empregar o Provincial para acoller estas instalacións, temen que a decisión de manter servizos hospitalarios no edificio remate por afastar por completo este proxecto.











