BARBANZA> O Barbanza reclama unha mellora na vertebración das súas comunicacións. Ademais dunha actuación urxente na estrada provincial entre Boiro e Noia, os alcaldes de Arousa Norte levan tempo demandando a mellora do acceso dende a autovía do Barbanza ó enlace coa AP-9 en Caldas.
Malia que a comunicación central da comarca do Barbanza é inmellorable coa autovía que vertebra a bisbarra, os alcaldes da marxe norte da ría de Arousa botan en falla unhas mellores comunicacións internas.
A principal refírese á conexión con Muros Noia. A estrada que discorre pola costa, de titularidade autonómica, está a ser obxecto dalgunhas actuacións. Sen embargo, a comunicación máis rápida, na vía provincial entre Boiro e Noia, presenta algúns problemas dado o mal estado da vía nalgúns puntos.
O traspaso das competencias á Xunta segue a estar na axenda da mancomunidade arousá pero a longo prazo. Antes demandan unha actuación por parte da Deputación que garanta a seguridade canto antes nesta estrada que soporta un gran volume de tráfico.
Por outra banda, os alcaldes volven insistir noutra vella reivindicación para mellorar o acceso dende Catoira ó enlace coa AP-9 en Caldas.