VILAGARCÍA> O Salnés perderá un milleiro de autónomos coa fin da tempada de verán. Así o vén de alertar UPTA. Segundo a organización, cada ano un milleiro de emprendedores comezan novos negocios, e outros tantos baixan a persiana dos seus na comarca. Por iso reclaman aos concellos e á Mancomunidade do Salnés medidas activas para potenciar o emprego.
Esta é a advertencia que lanza a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos sobre a situación do colectivo na comarca do Salnés. Alertan, ademais, da forte rotación que existe: cada ano, pechan e abren un milleiro de negocios.
Precisamente, son as pequenas e medianas empresas as máis afectadas pola competencia das grandes superficies e das plataformas de venda online. Máis aínda se falamos do sector servizos.
Detectan un importante bloqueo da economía comarcal. Aseguran que o Porto de Vilagarcía non está a funcionar como motor económico, e que cada vez hai menos afiliados no sector do mar. En canto á industria, só unha empresa da contorna conta con máis de 50 empregados. Por iso reclaman a intervención das administracións cun plan integral de emprego.