San Roque do Monte mantén a tradición da carreira de burras tras 120 anos

VILANOVA> A carreira de burras de San Roque do Monte cumpriu onte 120 anos de historia sen perder poder de convocatoria. Vinteun xinetes competiron para facerse coa vitoria nesta peculiar cita, a máis popular de todo o programa.

120 anos non se cumpren todos os días, e a comisión de festas de San Roque do Monte tíñao ben claro. Un grupo de amigas rescataron a celebración, que a piques estivo de perderse trala renuncia dos anteriores organizadores. Grazas a elas, a carreira de burras volveu ser onte unha realidade.

Vinteún xinetes competiron para facerse coa vitoria. Na categoría de homes, o primeiro clasificado e polo tanto gañador de 100 euros e un saco de penso foi Aníbal Linares Balnori, máis coñecido como El Patillas. Roki demostrou a súa profesionalidade e, a pesares da presión, deu a vitoria en San Roque do Monte a este veciño da Armenteira.

En mulleres, trunfou Sara García con Torda, mentres que entre os máis cativos o gañador foi Carlos Vilas, con Macario.

A carreira de burras é o principal atractivo das festas, pero non o único. Ao rematar, comezaron os xogos populares como o tiro da corda ou a subida ao pau. Pola noite, actuaron as orquestras Palladium e Claxxon. Hoxe serán Ritmo Joven e o Combo Dominicano as responsables de poñer banda sonora á despedida de San Roque do Monte ata o ano que vén.