Vilaxoán podería perder o festival das Revenidas

VILAXOÁN>  Vilaxoán podería perder o festival das Revenidas. Fontes próximas á organización explican que a fata de acordos co concello e con diferentes asociacións da vila poñen perigo a continuidade do evento tal e como se viña celebrando ata o de agora.

17 anos despois do seu comezo, o festival das Revenidas podería marchar de Vilaxoán. A falta de información acerca dos concertos e datas deste ano xa puxo en alerta aos fans deste evento. Fontes próximas á organización advirten que as negociacións están preto de romperse. A falta de acordos co concello e diferentes asociacións da vila acerca da celebración de actividades vencelladas ao festival, como a sardiñada, parecen ser o motivo desta tensión.

De confirmarse o traslado, a vila perdería un dos seus eventos máis históricos. Nas últimas edicións, miles de persoas acudían a Vilaxoán para gozar do evento durante toda unha fin de semana. Visitas que repercutían nos diferentes establecementos da vila, dende os cales mostran a súa preocupación pola posibilidade da mudanza do festival.

As fontes próximas ao evento aseguran que dende a organización están a facer todo o posible para continuar na vila. En caso de que non se cheguen a acordos, diferentes concellos da contorna xa mostraron a súa disposición para acoller o festival.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí