A campaña Efecto PO2 nace para “concienciar de que o cambio global comeza no local”

PONTEVEDRA> O goberno municipal pon en marcha a campaña Efecto PO2. Unha iniciativa que pretende vincular a imaxe de Pontevedra coa loita contra o cambio climático. Ademais, neste eido, o Concello, en colaboración co Observatorio Urbano, fará proximamente un estudio para analizar todos os efectos que o modelo de cidade ten na calidade do aire.

Esta é a nova campaña do goberno municipal. Efecto PO2 nace con tres obxectivos principais. O primeiro, demandar a todas as institucións a posta en marcha de políticas claras de acción contra a emerxencia climática.

Con esta iniciativa, o Concello quere seguir fomentando medidas como o modelo urbano ou a compostaxe. Ademais, con esta campaña, o goberno municipal pon o foco no vindeiro 27 de setembro. Xornada na que hai convocada unha Folga Mundial polo Clima.

Ademais de participar nas mobilizacións do vindeiro 27 de setembro e co obxectivo de concienciar á cidadanía, o goberno municipal levará a cabo, nos vindeiros meses, accións tanto nos institutos como nos colexios.

Efecto PO2 estará presente en diferentes conferencias internacionais. Dende Portugal ata Glasgow, pasando por Alemaña.

E coa intención de coñecer os efectos que o modelo de cidade ten na calidade do aire, o Observatorio Urbano de Pontevedra colaborará co Concello para estudar o impacto de todas as medidas postas en marcha nos últimos anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí