Extinguido o incendio en Ribeira

RIBEIRA> Extinguido o incendio que dende a noite do pasado venres afectaba o concello de Ribeira, na parroquia de Oleiros. Un lume que calcinou preto de 200 hectáreas e que tamén afectou o municipio de Porto do Son.

O incendio comezaba sobre as 11 na noite do venres na parroquia de Oleiros, en Ribeira, e en 48 horas calcinaba case 200 hectáreas, segundo informou Medio Rural. Unhas lapas que afectaron tamén o municipio de Porto do Son, xa que os fortes ventos propiciaron que o lume se desprazase moi rápido. O incendio quedaba extinguido onte ás 20:30 da tarde.

Segundo anunciou o conselleiro de Medio Rural, José González, as investigacións da Policía Autonómica e das brigadas apuntan a que o incendio foi intencionado e xa teñen sospeitosos. Tamén sinalou que nos próximos días habería novidades.

Dende a Consellería do Medio Rural lembran que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de atopar algún lume forestal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí