POIO> O PP de Poio presentou esta mañá todas as iniciativas e prioridades que o seu grupo municipal terá neste novo curso político. Ángel Moldes recorda que o seu programa foi o máis votado nas últimas eleccións e, por iso, asegura que, dende a oposición, intentará levalo a cabo. Un programa centrado en tres eixos: a transparencia, a PO-308 e a baixada de impostos.
O PP de Poio ten claro cal é o seu obxectivo neste novo curso político. Tentar levar a cabo o seu programa electoral. Un programa que foi o máis votado nas pasadas eleccións municipais e que está centrado en tres ideas principais. A primeira, a transparencia. Unha medida que, segundo os populares, non se está levando á práctica no goberno local.
A segunda proposta dos populares ten que ver coa PO-308. Ángel Moldes pedirá ao goberno municipal que dea continuidade á saída que a Xunta de Galicia está a facer na parroquia de Raxó.
Dentro das propostas do PP, destaca tamén a redución do IBI. Ángel Moldes pedirá ao goberno local que baixe os impostos do 0,47% ó 0,43%.
Con todas estas propostas, os populares queren poñer o foco en Avante Poio. O portavoz do grupo municipal recorda que Silvia Díaz segue tendo a chave para que todas estas medidas que, segundo el son as que máis benefician aos veciños, se executen.
Co obxectivo de que o seu programa se leve á práctica, Ángel Moldes pedirá reunirse con Silvia Díaz para explicarlle todas as súas propostas e para pedirlle que sexa coherente con todo o que prometeu aos veciños durante a pasada campaña electoral.