Campelo reparte 2.000 racións de ameixa, un dos produtos estrela da ría

POIO> Dende hai 32 anos, Campelo réndese ó sabor da ameixa. A súa festa congregou na localidade poiense a centos e centos de persoas, ansiosas por saborear esta manxar nas súas distintas variedades: á mariñeira, con fideos e con arroz mariñeiro. En total, a organización estima que se repartiron unhas 2.000 racións.

O evento, cun fondo arraigo entre a veciñanza, é un dos máis senlleiros do municipio. A cita serviu tamén para homenaxear a aqueles mariscadores e mariscadoras que se xubilaron no ano anterior, unha iniciativa que naceu da man da Asociación de Veciños de Campelo e que agora é xa parte fundamental deste evento gastronómico.

Na xornada inaugural tamén participou o Deputado provincial Santos Héctor, que salientou a a multitude de iniciativas que combina o cartel desta festa.

Ao bo tempo houbo que sumar tamén unha multitude de actuacións musicais. Roi Casal, co seu espectáculo ‘Son Galego, son cubano’ foi un dos artistas que puxo o ritmo a esta exitosa festa da ameixa. Canda el, o arxentino Coti ou a Banda de Música de Arcade.