Un home mata a tiros á súa exmuller, exsogra e excuñada en Valga

VALGA> Un home asasinou á súa exmuller, exsogra e excuñada en Valga. Tiñan, respectivamente, 39, 58 e 27 anos. Os feitos ocorreron a primeira hora desta mañá no lugar de Carracido, na parroquia de Cordeiro. O presunto autor do triplo crime deuse á fuga para, posteriormente, entregarse no cuartel da Garda Civil de Ames.

O varón, de 45 anos, matou ás tres mulleres cunha arma de fogo. Á súa exparella asasinouna no coche, cando ía levar aos seus fillos, de 4 e 7 anos, ao colexio. Os menores presenciaron os actos. Á súa exsogra e excuñada disparoulles no xardín da casa familiar.

A parella estaba en trámites de separación. Segundo fontes da Delegación do Goberno en Galicia, non hai constancia de que houbese ningunha denuncia previa por violencia de xénero.

O Concello de Valga vai celebrar esta tarde un Pleno para amosar a súa repulsa. A sesión extraordinaria vai ter lugar hoxe ás 20:00 horas. Acto seguido terá lugar unha concentración diante do Consistorio.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, achegouse este mediodía ata o lugar dos feitos, para amosar o seu apoio aos familiares das vítimas. Pola súa banda, o presidente do executivo galego amosou a súa consternación a través do Twitter. “O ocorrido en Valga é unha aberración. Todo o noso cariño á familia das tres mulleres asasinadas. Basta xa de violencia machista”, indicaba Alberto Núñez Feijóo nun chío.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí