VALGA> O asasino de Valga xa está na cadea. A xuíza decretou para o autor do triplo crime prisión provisional, comunicada e sen fianza. Está imputado de tres delitos de asasinato, o que podería conlevar unha pena de prisión permanente revisable. José Luis Abet pasou esta mañá a disposición xudicial nos xulgados de Caldas. Acolleuse ó seu dereito a non declarar, indicando que hoxe non estaba en condicións de facelo.
O autor confeso do triplo crime de Valga chegou ós xulgados de Caldas contra as once menos vinte da mañá, custodiado por numerosos axentes da Garda Civil. Co rostro descuberto, José Luis Abet baixou do coche e accedeu ás dependencias policiais a través dun cordón policial. Detrás desa liña, numerosas persoas, que recibiron con berros e insultos ó home.
Despois de varias dilixencias previas, o asasino confeso das tres mulleres pasou declarar perante a xuíza que se atopaba de garda no momento do crime e que, ademais, é a competente en casos de violencia de xénero. Eran case as 12 do mediodía. Segundo apuntan fontes xudiciais, Abet considerou que hoxe non estaba en condicións de facelo.
A maxistrada decretou para el prisión comunicada e sen fianza pola comisión de tres presuntos delitos de asasinato. Isto podería conlevar, segundo indica o auto, unha pena de prisión permanente revisable, a mesma condena imposta, por exemplo, a David Oubel, o asasino das dúas nenas de Moraña, no ano 2015.
Durante toda a mañá a expectación foi máxima. Ás portas dos xulgados permaneceron durante horas numerosos medios de comunicación e tamén moitos veciños, indignados e horrorizados co acontecido onte en Cordeiro.
José Luis Abet abandonou o xulgado de Caldas pasada a unha do mediodía, desta volta coa cara tapada por un axente.