O autor confeso do triple asesinato de Valga realizou ata 15 disparos

VALGA> A investigación policial apunta que o autor confeso do triplo asasinato de Valga realizou ata quince disparos. Segundo as pesquisas, José Luis Abet disparou a matar as súas vítimas. Once disparos chegaron a impactar sobre as falecidas que foron enterradas hoxe no cemiterio parroquial de Campaña.

O autor confeso do triplo asasinato machista de Valga realizou ata quince disparos sobre as súas vítimas. Cando menos, iso apunta a investigación policial. Segundo as pesquisas, José Luis Abet disparou a matar e recargou o seu revolver, polo menos, en tres ocasións, xa que a arma utilizada só ten espazo para 6 balas.

Dos 15 disparos realizados, 11 impactaron sobre as súas vítimas. A autopsia determinou que a primeira falecida foi a súa exmuller e a continuación a súa irmá e a súa nai, ambas acudiran a axudala. A fiscalía pide para o acusado prisión permanente revisable por premeditación e saña.

A investigación sobre o acontecido continúa. Pasadas as 12 do medio día unha patrulla da Garda Civil desprazouse ata a vivenda familiar e está previsto que proximamente teña lugar unha reconstrución dos feitos. No entorno do domicilio continúa habendo moita expectación entre os medios de comunicación pendentes de calquera novidade. Situación que contrasta coa tranquilidade habitual do lugar de Carracido, unha pequena veciñanza da parroquia de Cordeiro composta por 17 vivendas. Os veciños móstranse doídos e conmocionados polo acontecido.

Á capela ardente das falecidas, situada no auditorio municipal, acudiron numerosos veciños e coñecidos para mostrar os seu respecto. O enterro tivo lugar esta tarde no cemiterio parroquial de Campaña, de onde eran naturais as tres vítimas deste novo crime de violencia machista.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí