A Pobra sumerxerase na súa historia

A POBRA> A Pobra do Caramiñal acollerá esta vindeira fin de semana, os días 28 e 29 de setembro, a segunda edición das Xornadas de Cultura e Historia. Desenvolveranse varias conferencias e unha visita guiada polos cruceiros antigos do municipio.

O éxito da primeira edición foi unha das razón que levou ó Concello da Pobra a repetir esta experiencia este ano, aumentando a duración das xornadas a dous días, sábado 28 e domingo 29. O que se pretende con esta actividade non é máis que dar a coñecer a historia e cultura local.

As xornadas arrancarán o sábado, a partir das catro e media da tarde, no auditorio do museo Valle-Inclán, cunha charla sobre o xacemento arqueolóxico do eremitorio de San Xoán da Miserela.

As outras dúas charlas versarán sobre o patrimonio inmaterial, máis concretamente sobre a toponimia, a cargo de Paulo Rodríguez Lema, e outra sobre cruceiros, que será impartida por Juan Cabeza. O mesmo autor que o domingo se encargará tamén de dirixir a visita guiada polos cruceiros antigos da Pobra que datan dos séculos XVI e XVII.

Para asistir ás conferencias non será necesario inscribirse, pero si para a visita guiada. Tódolos asistentes serán agasallados cunha ilustración de Bernal Prieto realizada especialmente para estas xornadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí