A Pobra acollerá o domingo 29 de xullo a II Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes

A POBRA> Deporte e solidariedade volven ir da man na Pobra coa disputa da segunda edición da Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes. A actividade organizada pola asociación Anedia, en colaboración co propio Concello, terá lugar o sábado 29 de xullo.

Esta mañá presentábase no Concello a segunda edición da Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes organizada pola asociación Anedia. A proba terá lugar o sábado 29 de xullo a partir das oito da tarde. Estará aberta a tódalas categorías, dende sub-6 ata máster, tanto masculina coma feminina, incluindo ademais Zapatilla Inclusiva. O circuíto habilitarase no tramo de fachada marítima comprendido entre a praza Alcalde Segundo Durán e o peirao comercial, con distancias acordes a cada unha das idades dos participantes.

Dende o Concello destacaron a importancia desta carreira, que ademais do carácter deportivo, busca visibilizar sobre unha enfermidade que afecta a un 14% da poboación española.

O prazo de inscrición xa está aberto podéndose realizar ata o vindeiro 27 de xullo a través da páxina web carreirasgalegas.com O trámite será de balde para as categorías menores e para a Zapatilla Inclusiva, mentres que haberá que aboar un importe de 6 euros nas adultas. Todo o recadado irá destinado a subvencionar os campamentos de verán organizados por Anedia.