VILAGARCÍA> A DXT pon en marcha unha campaña contra as distraccións ao volante. Un dos primeiros controis informativos tivo lugar hoxe en Vilagarcía. Garda Civil e Policía Local van da man para explicarlle aos condutores os perigos de usar o móbil ao volante, un hábito cada vez máis estendido. Así e todo, este non é o único perigo: buscar unha dirección no GPS, comer ou beber ou acender un pitillo son hábitos tan simples como perigosos cando estamos conducindo.
Que tire a primeira pedra aquel condutor que nunca colleu o móbil, mirou o GPS ou se puxo a beber mentres estaba ao volante. Son hábitos cada vez máis estendidos, pero causantes de moitos accidentes. Para concienciar sobre os perigos destas distraccións a DXT puxo en marcha unha campaña. Un dos primeiros controis informativos desenvolveuse esta mañá na zona de Rubiáns, en Vilagarcía.
Este tipo de distraccións están detrás de 1 de cada 3 accidentes con feridos graves ou mortos. Porén, este tipo de hábitos cada vez son máis habituais.
Hábitos perigosos que, ollo, supoñen tamén perda de puntos e sanción económica.
Ademais da Garda Civil, nestes controis tamén colabora a Policía Local, naqueles concellos onde os seus recursos o permiten, como é o caso de Vilagarcía.
O control tivo lugar nunha estrada de Vilagarcía especialmente sensible no tocante á seguridade viaria. Nese sentido, o alcalde avanzou que o concello e o goberno central están en conversas para facer unha humización desta estrada da zona de Rubiáns que implicarán, dixo, medidas de calmado de tráfico.











