RIBEIRA> A pesar da negativa de Educación, a ANPA do CEIP O Grupo segue adiante coas súas reivindicacións para lograr a incorporación dun titor para terceiro de primaria. Nunha asemblea celebrada a pasada tarde, acordaron iniciar unha campaña de recollida de sinaturas e levar unha moción a pleno na que solicitarán o apoio de tódalas forzas políticas.
Ademais de seguir adiante coas protestas que se desenvolverán cada luns ás once e media da mañá, a ANPA do CEIP O Grupo adoptará outras medidas para esixir a incorporación dun mestre para unha das unidades de terceiro de primaria que carece de titor. Nunha asemblea celebrada a pasada tarde aberta ás familias, os membros da directiva deron conta dos pasos a seguir. O primeiro será iniciar unha campaña de recollida de sinaturas en colaboración co tecido asociativo e comercial do municipio.
Outra das medidas será a de presentar unha moción a pleno que previsiblemente se debaterá o 29 deste mes. Agardan contar co apoio de tódolos grupos que compoñen a corporación que estiveron tamén presentes na asemblea da pasada tarde e ratificaron o seu respaldo ás demandas da comunidade educativa.











