A Illa destinará 800.000 euros para o seu ambicioso proxecto de mobilidade sostible

A ILLA> A Illa de Arousa vai investir máis de 800.000 euros para o impulso da mobilidade sostible. Construíranse case 4 quilómetros de carril bici e adaptaranse varios viais. Ademais, porase en marcha un sistema de préstamo de bicicletas. Tamén se vai construír un aparcadoiro disuasorio no Bao e abrirase un novo vial en Agro da Torre.

A Illa lanza un millonario paquete de actuacións na primeira fase do seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible. O investimento supera os 800.000 euros, dos que 660.000 proveñen de fondos europeos.

Hai previstas para o ano que vén unha batería de obras. Unha delas, aquí, na praza do Regueiro. Trátase da primeira actuación prevista antes da súa remodelación integral.

O paquete de actuación contempla tamén un aparcadoiro disuasorio na contorna do Bao, con case 900 novas prazas de estacionamento, e a apertura dun novo vial no Agro da Torre. O plan contempla tamén actuacións para fomenta-lo uso da bicicleta. Para iso, crearanse 4 quilómetros de carril bici, habilitaranse varios viais e deseñaranse itinerarios seguros dentro do entramado urbano.

A iso hai que engadi-la creación dun sistema de préstamo de biciclestas, con tres estacións: no Bao, O Carreirón e O Regueiro. O proxecto inclúe tamén unha campaña de concienciación a favor da mobilidade sostible. Todas estas medidas, xunto co fomento do aforro enerxético, buscan adiantarse á axenda da Unión Europea, que marca o 2030 como tope para implementar actuacións deste tipo.

Tódolos proxectos desta primeira fase do Plan deberán acometerse ó longo do 2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí