SALNÉS> A vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas entra na súa recta final. Segundo o consello regulador recolléronse polo de agora 32 millóns de quilos de uva. A uva deste ano recolleuse en bo estado e con boas graduacións.
A vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas está preto de chegar ao seu final. Segundo preveu o Órgano de Certificación e Control da DO a colleita de este ano é inferior a do 2018. En total recolléronse 32 millóns de quilos de uva, un 16,9% menos que no ano anterior.
O Consello Regulador sinala que a vendima este ano desenvolveuse con tranquilidade e a un bo ritmo. O que deu lugar a unha uva sa e con boas graduacións. A falta de choiva en Agosto e principios de Setembro propiciou que os acios pesen menos.
O propio Consello tamén apuntou que os viñedos atopábanse en bo estado sanitario e vexetal. Agora mostran un aspecto máis delicado e haberá que agardar a que as viñas agosten ben para comezala poda.
A maior parte das adegas xa botaron o peche á vendima 2019. Agora só quedan pendentes de recoller as variedades especiais como as tintas, que representan menos do 1% da colleita.