Vilagarcía quece motores para celebrar un Atlantic fest con artistas como Leiva, Sidecars ou Viva Suecia

VILAGARCIA>  Vilagarcía comeza os preparativos para celebrar o Atlantic Fest. O evento musical máis grande que se celebra na vila contará nesta edición con artista como Leiva, Sidecars ou Viva Suecia. Terá lugar na contorna da praia da Compostela do 20 ao 23 de xullo.

Vilagarcía xa está preparando a contorna da praia da Compostela e do seu aparcadoiro para celebrar o Atlantic Fest. O festival máis grande que se celebra na vila regresa neste 2023 con catro días de festa, dende o 20 ata o 23 de xullo e con artistas como Leiva, Sidecars ou Viva Suecia.

O festival celébrase co apoio de patrocinadores privados como Mahou, Alma Atlántica de Martín Códax e a Fundación Pandeia e administracións como o porto de Vilagarcía, o concello, a deputación e a Xunta. Dende Agadic buscan impulsar a artistas da comunidade que serán os protagonistas do día 23.

Para a administración provincial e local, o Atlantic Fest supón unha oportunidade para impulsar a economía e o turismo da vila e da provincia.  

Dende a organización busca influír o menos posible na normalidade da vila e fomentar a mobilidade sustentable, por iso colaborarán con Renfe para ampliar o número de trens, ademais tamén porán un bus que conectará a estación, o festival e o camping. Para evitar colas, a organización tamén estará dende o día 19 entregando pulseiras no auditorio de Vilagarcía.