PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia inverterá 50 millóns de euros na ampliación da depuradora dos Praceres. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, tras participar nunha reunión da Mesa de saneamento da ría de Pontevedra. Esta obra de mellora adxudicarase ao longo das vindeiras semanas e comezará a executarse o ano que ven.
A Xunta de Galicia levará a cabo a ampliación da depuradora dos Praceres. Un proxecto que foi presentado esta mañá polas conselleiras de Infraestruturas e a de Medio Mariño ás tres confrarías implicadas e aos representantes dos Concellos de Pontevedra, Poio e Marín. A administración autonómica inverterá 16 millóns de euros para mellorar a actual depuradora e destinará outros 12 millóns na construción dun novo emisario submarino, o cal terá 3 quilómetros de largo. Na propia ampliación da EDAR de Praceres, a Xunta inverterá 50 millóns.
A pesares da oposición que sempre mostrou o Concello de Pontevedra á ampliación da depuradora, a administración autonómica segue defendendo que é unha actuación necesaria que cumpre coas esixencias marcadas pola Unión Europea.
E malia que a conselleira de Infraestruturas asegurou que o Concello de Pontevedra non mostrou oposición a este proxecto, a edil responsable do Ciclo da Auga lamentaba ao remate desta reunión que o encontro non fose máis cunha rolda de prensa electoral da Xunta de Galicia.
A Xunta de Galicia asegurou que a ampliación é innegociable e que se trata dunha actuación integrada na paisaxe e no territorio.