Rafa Domínguez incide na obriga de declarar a Facenda os composteiros individuais

PONTEVEDRA> Continuamos co PP. O portavoz do grupo municipal compareceu esta mañá en rolda de prensa para denunciar a opacidade do Concello de Pontevedra nos seus contratos. En concreto, Rafa Domínguez centrouse no dos composteiros individuais e recordou aos veciños a súa obriga de notificar a Facenda a recepción dos mesmos.

O Partido Popular de Pontevedra denunciou esta mañá a opacidade do Concello coa información que solicitan os seus concelleiros sobre diferentes contratos. Rafa Domínguez asegura que hai un interese por parte do goberno municipal de retardar os trámites e de non entregar, en tempo e forma, a información requirida.

Rafa Domínguez fixo referencia a dous casos concretos. O primeiro ten que ver coa solicitude que fixo, no mes de setembro, o concelleiro Gerardo Pérez sobre a facturación do Concello con sete empresas. O segundo caso é a petición da edil Pepa Pardo, hai un mes, sobre a copia do pedido de composteiros. Dúas solicitudes ás que non tiveron resposta.

En relación cos contratos, o voceiro do Partido Popular en Pontevedra quixo poñer o foco sobre os composteiros individuais. Rafa Domínguez recordou que estes composteiros son entregados aos veciños como unha subvención en especie. Algo que obriga a todas as persoas a notificar a Facenda a súa recepción.

Rafa Domínguez non entende que interese pode haber por parte do goberno municipal en retrasar todos estes procedementos. O que deixa claro o voceiro popular é que todos os pontevedreses teñen dereito a saber que fai o Concello co seu diñeiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí