Éxito de participación na quinta edición da ruta teatralizada ‘Camiño do Mercado’

LOUSAME> Máis de trescentas persoas participaron este pasado domingo na quinta edición da ruta teatralizada Camiño do Mercado’ en Lousame. A actividade foi organizada polo concello de Lousame e a asociación cultural e deportiva Senda 21.

Éxito de participación e organización na quinta edición da ruta teatralizada Camiño do Mercado’. A actividade tivo un percorrido duns cinco quilómetros visitando a ritmo de paseo varias das aldeas da parroquia de Tállara entre as que se atopaban  as do Sanguiñal, Figueiroa, Pousada e Carantoña. Durante o traxecto realizáronse unhas cinco paradas nas que se desenvolveron actuacións teatralizadas a cargo de membros e voluntarios de Senda XXI. Foron cinco actuacións en ton de comedia costumista, tratando temas como a emigración, a morte ou mesmo unha xornada de traballo nun lavadoiro. A estas cinco escenas sumáronselle tamén dúas actuacións musicais. A primeira delas tivo lugar na aldea de Pousada, onde un grupo de nenas e o grupo folclórico O Son do Pote recuperaron a “Danza do espantallo”. A segunda tiña lugar no pontellón de pedra no río Lobo e estivo protagonizada polo grupo de pandereteiras O Tremuzo de Outes. A ruta chegou ó seu fin cunha festa nos muíños de Carantoña, con música e baile. A actividade estaba incluída no proxecto “Mocidade en Movemento”, que desenvolve o Concello coa colaboración da consellería de Política Social.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí