Sanidade descarta dotar o Hospital do Salnés cunha ambulancia medicalizada durante o verán

VILAGARCÍA> A Consellería de Sanidade mantense. Non haberá unha ambulancia medicalizada con base no Hospital do Salnés durante o verán. O conselleiro Antonio Gómez reuniuse esta mañá co alcalde de Vilagarcía para trasladarlle esta decisión. Segundo Gómez Caamaño, o traslado da medicalizada a Sanxenxo é por criterios obxectivos e técnicos, e a atención de urxencia e emerxencia está igualmente garantida. Para Alberto Varela, a negativa a reforzar esta ambulancia con outra no Hospital do Salnés responde a criterios unicamente económicos.

Non haberá cambios e, segundo o previsto, a ambulancia medicalizada que durante o ano ten a súa base no Hospital do Salnés se manterá no verán no PAC de Baltar, en Sanxenxo.

Así o asegurou hoxe o conselleiro de Sanidade, a pesares da demanda que cada verán mobiliza a concellos, colectivos e sociedade civil do distrito sanitario do Salnés.

Estes datos técnicos apuntan a que en xullo e agosto de 2025 Sanxenxo realizou o dobre de atencións médicas urxentes que Vilagarcía, con 57 fronte a 118. Tamén Gómez Caamaño sinalou o incremento poboacional do municipio sanxenxino, que pasa de 18.000 persoas a 120.000 durante o verán.

O conselleiro levou todos estes argumentos á reunión que hoxe mantivo no Hospital do Salnés co alcalde de Vilagarcía. Un encontro que rematou coas esperanzas de Alberto Varela.

A pesares das explicacións de Sanidade, Varela non ten dúbidas: a decisión baséase en criterios económicos. Porque a demanda non pasa por retirar a ambulancia medicalizada de Sanxenxo; senón por dotar tanto ao PAC de Baltar como ao Hospital do Salnés deste servizo.

Neste escenario, o alcalde da vila animou a toda a cidadanía a participar na concentración de mañá convocada por Zona Aberta. Será na Praza de Galicia ás 9 da noite.