Os veciños de Chancelas presentan as súas alegacións para mellorar o proxecto das sendas

PONTEVEDRA> Os veciños de Chancelas continúan protestando pola falta de seguridade viaria na PO-308. Tras a falta de resposta por parte da administración autonómica, a plataforma veciñal decidiu presentar esta mañá, na Xunta de Galicia, as súas alegacións para mellorar o proxecto das sendas.

Os representantes da plataforma PO-308 acudiron esta mañá a Xunta de Galicia para presentar as súas alegacións co obxectivo de mellorar o proxecto das sendas. Un proxecto que non pon solución aos problemas de seguridade viaria que existen na zona de Chancelas.

Os veciños de Chancelas levan anos pedindo un paso de peóns e unha redución de velocidade de 70km/h a 50 nesta zona. Unha vía, a PO-308, por onde pasan preto de 24.000 vehículos diarios e na que non hai medidas de seguridade.

A plataforma da PO-308 conseguiu que se aprobase no pleno do Concello de Poio unha moción na que esixían melloras en toda a estrada. Sen embargo, os veciños non obtiveron resposta as súas peticións por parte da Xunta de Galicia.

Os veciños non están dispostos a que se siga xogando coas súas vidas. Por iso non descartan levar a cabo máis mobilizacións co obxectivo de seguir reclamando unhas medidas de seguridade vial que ata agora son inexistentes.