“As mans erguidas” contra o cancro de mama

PONTEVEDRA> A Praza da Ferraría acolleu esta mañá unha concentración “de mans erguidas” enmarcada na celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama. Un evento organizado pola Asociación Contra o Cancro de Pontevedra co obxectivo de homenaxear a todas as mulleres que padecen esta enfermidade.

Hoxe elas dan a cara por todas as mulleres que padecen cancro de mama. 4 mulleres e 4 historias que demostran que é posible combater esta enfermidade.

O cancro de mama afecta cada ano a máis mulleres. No que levamos de 2019, na provincia de Pontevedra detectáronse xa 730 novos casos. Hoxe a Asociación Contra o Cancro de Mama quixo colorear a rúa de rosa para poñer en valor o traballo que fan os voluntarios e voluntarias da provincia e para mostrar o seu apoio a todas as mulleres que teñen que loitar contra esta enfermidade.

Se hai algo co que se pode gañar a batalla ao cancro iso é a prevención. Segundo os datos aportados pola Consellería de Sanidade, no primeiro semestre do ano 53 mulleres descubriron que padecían esta enfermidade tras facer unha exploración rutineira.

O camiño non é doado pero ao final do túnel sempre haberá unha luz que axudará a todas as pacientes a seguir loitando, coas “mans erguidas”, para gañarlle a batalla ao cancro de mama.