A Garda Civil trasládase á Merced ata que se constrúa o novo cuartel no 2021

CAMBADOS> A Garda Civil terá un novo cuartel en Cambados. Despois de que se atoparan defectos estruturais no actual que o fan irrecuperable, o Ministerio do Interior construirá un novo edificio na mesma parcela cun investimento de 6 millóns de euros. A previsión é que as obras comecen no 2021. Mentres tanto as dependencias da Benemérita ocuparán o centro sociocultural da Merced.

A Garda Civil contará con novas instalacións en Cambados. A súa construción converteuse en algo prioritario para o Ministerio do Interior, despois de que se detectaran problemas no actual que obrigan ao seu desaloxo.

Foron unhas obras de mellora financiadas pola Deputación de Pontevedra as que fixeron saltar a voz de alarma. Detectáronse problemas estruturais que foron comunicados á subdelegación do goberno.

O novo cuartel permitirá pasar dos 38 efectivos actuais aos 100 previstos nun futuro. Tamén contará con máis servizos e máis vivendas para as familias dos axentes que se queiran instalar no inmoble. A previsión é que as obras comecen no 2021; mentres, o concello cederá á Garda Civil mediante un convenio o centro sociocultural da Merced.

Está previsto que os axentes se trasladen a esta nova ubicación antes de finais deste ano, ocupando as primeira, segunda e terceira plantas. A OMIX reubicarase no Pazo Torrado, na zona que ocupaba a Asociación Plácido Castro, mentres que o animador deportivo trasladarase ao pavillón do Pombal. Pola súa banda, a asociación de xubilados e as clases de judo e taekwondo poderán manterse na planta baixa da Merced.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí