Veciños de Boiro probarán as vantaxes da compostaxe

BOIRO> Preto duns trinta veciños de Boiro probarán as vantaxes da compostaxe nas súas propias casas. O Concello vén de adherirse ó programa de compostaxe doméstica que promove Sogama. Onte pola noite facíase a entrega dos composteiros a aqueles veciños que mostraron interese na proposta.

O alcalde, José Ramón Romero, e a edil de Medio Ambiente, Marisa Collazo, xunto con técnicos municipais de medio ambiente e representantes de Sogama, participaron onte pola noite no centro social de Abanqueiro, no acto de entrega dos composteiros a aqueles veciños que mostraron interese na proposta, á que o Concello vén de adheririse.  Trátase dunha experiencia piloto que comeza este ano con composteiros nunhas 30 vivendas unifamiliares dos núcleos de  Abanqueiro e Cespón e co que se pretende impulsar a compostaxe nos fogares para lograr unha xestión máis sostible do lixo. Ademais da entrega dos composteiros, tódolos asistentes recibiron unha formación inicial sobre o modo de emprego e a importancia de reducir os residuos orgánicos no contedor xenérico.

A materia orgánica constitúe a maior parte dos residuos da bolsa do lixo. Na actualidade en Boiro xéranse ó redor dunhas sete mil toneladas ó ano de residuos que van ó contedor xenérico, das cales un 40% son materia orgánica. Coa autocompostaxe o que se pretende é reducir esta cantidade de materia valorizable que se deposita no contedor xenérico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí