95 alumnos do CEP Magariños gozaron do Día Internacional da Biblioteca

CAMBADOS> Para conmemorar o día mundial da biblioteca, o concello de Cambados organizou unha actividade cos máis pequenos. Ata 95 alumnos do CEP Magariños gozaron do espectáculo de “Maxia e libriños con Leo Leíño”. A función enfocouse a fomentar a as biblioteca e a importancia da lectura.

O concello de Cambados sumouse ás celebracións do día mundial da Biblioteca. Unha data que ten como obxectivo resaltar a importancia destas edificacións e dos seus traballadores, así como fomentar a lectura.

A actividade comezou coa lectura dun manifesto por parte do alumnado do CEP Magariños e outro da alcaldesa e a edil Cruz Leiro. A continuación os estudantes de primeiro a terceiro de primaria do centro gozaron do espectáculo “Maxia e libriños con Leo Leíño”.

No acto participaron en total 95 alumnos de 6 a 9 anos. Esta actividade permite que os máis pequenos entren en contacto coa lectura.

O evento ía ter lugar no auditorio co alumnado do Magariños e do San tomé pero o mal tempo obrigou a dividilo. Hoxe realizouse no CEP Magariños e o vindeiro luns terá lugar no CEIP San Tomé.