O sorteo extraordinario de San Valentín deixa un primeiro premio da Lotaría en Cambados

CAMBADOS> A lotaría deixa 260.000 euros en Cambados. Son dous décimos do primeiro premio do sorteo extraordinario do día de San Valentín. A agraciada é unha veciña da zona, aínda que dende a administración, como é lóxico, non quixeron desvelala súa identidade. Segundo nos contan, vai reparti-lo premio con outra persoa.

San Valentín fixo parada en Cambados e deixou unha chuvia de cartos. Todo grazas a este número: o 07221. O premio corresponde ao sorteo especial do Día dos Namorados que tocou nesta administración situada na praza de abastos da vila do albariño.

Este loteiro, acostumado xa a repartir algún que outro premio, garda segredo profesional. Malia que a afortunada xa pasou por aquí, e é veciña da zona, prefire non desvela-la súa identidade.

Os dous boletos foron retirados pola mesma afortunada, a través da máquina. Con todo, disque non vai quedar ela con tódolos cartos. Xoán lamenta ter vendido só dous boletos deste número. Con todo, recoñece unha enorme ledicia cada vez que a fortuna decide facer parada na súa administración.

Quizáis para o próximo sorteo extraordinario, como este dos Namorados, caia aquí o gran premio de 15 millóns de euros.