CAMBADOS> O Concello de Cambados presentou hoxe o primeiro recurso contra a decisión de Portos de Galicia de non renova-la concesión do Salón Peña. No goberno local insisten que darán a batalla para que as actividades que se viñan desenvolvendo neste espazo poidan seguir celebrándose alí. No Concello defenden que a denegación da renovación por parte de Portos é inxusta, porque non lle dá dereito ó executivo local a defenderse.
Hoxe hai un mes dende que ó Concello de Cambados chegou a notificación de Portos anunciando que non se ía renova-la concesión do Salón Peña. Así que hoxe, o goberno local presentou o primeiro recursos de alzada contra esa decisión de Portos de Galicia. No Concello entenden que o espazo forma parte do patrimonio da vila e que é un espazo imprescindible para multitude de actividades socioculturais, máis alá daquelas vinculadas co mar.
O concello xa solicitou unha nova concesión, cos mesmos usos que se contemplaban na anterior. Polo de agora, o goberno local non recibiu ningunha resposta por parte de Portos. O concelleiro di que esgotarán tódalas vías posibles para que Peña manteña a actividade.
As relacións entre Portos e o concello cambadés semellan máis cordiais no proxecto de renovación da praza de abastos. O ente autonómico ten que remata-lo plan especial para que o goberno local poida inicia-los trámites desas obras.
Segundo os cálculos do goberno cambadés, a remodelación do mercado podería arrancar no 2021. De momento, A Xunta de Goberno local aprobou a renovación da titularidade e as concesións dos postos da praza de abastos, uns trámites que levaban anos pendentes e que a partir de agora gozarán de tódalas garantías legais.