Frutífera reunión entre o alcalde de Noia e o presidente da Xunta

NOIA> O proxecto de construción da rotonda na AC-550, á altura da Barquiña, e de novas beirarrúas ata o núcleo urbano, presupostado en máis dun millón de euros, someterase a exposición pública a primeiros de ano. Así llo confirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ó alcalde noiés, Santiago Freire, durante unha reunión celebrada en Santiago.

A Xunta someterá a exposición pública nos primeiros meses de 2020 o proxecto de construción da rotonda na AC-550, á altura da Barquiña, e das novas beirarrúas ata o núcleo urbano. A actuación presupostada en máis dun millóns de euros era unha vella reivindicación do executivo noiés, ó tratarse dun dos principais accesos á localidade, ó coincidir co final do corredor Brión-Noia e co enlace co polígono de Augalevada, e no que se tiñan rexistrado numerosos sinistros.

Na xuntanza mantida co titular do Goberno Galego, á que ademais do rexedor, tamén acudiron a tenente de alcalde, Marisol Villar, e a edil de Deportes, Laura Salgado, analizáronse tamén tres actuacións de mellora das instalacións deportivas do municipio. así o Concello solicitou a colaboración da Xunta para a construción dunha grada cuberta no campo de céspede artificial de San Lázaro e para realizar unha actuación de recuperación da nave de Abruiñeiras e que esta poida ser empregada coma instalación náutico-deportiva. Tamén pediron axuda para diversas melloras nos espazos deportivos do IES Campo San Alberto e do pavillón Alonso Rodríguez.

Na reunión tamén falaron das carencias que presenta o municipio en materia de abastecemento de auga e saneamento e da necesidade de avanzar canto antes na elaboración do Plan Director  que determine cales son as prioridades a realizar.

Outro dos temas abordados con Núñez Feijóo foi a construción do novo centro de saúde, par o cal o Concello xa puxo a disposición da consellería de Sanidade unha parcela na zona de San Lázaro.