A POBRA> A Pobra viviu este domingo o día grande das Festas do Nazareno coa tradicional procesión das Mortallas. Un ano máis a cita foi multitudinaria congregando a máis de 16 mil persoas atraídas pola singularidade desta tradición relixiosa.
Devoción e tradición volveron mesturarse na procesión de Nazareno da Pobra que atraeu este domingo a miles de visitantes. A maioría deles movidos pola fe que profesan ó santo pero moitos tamén atraídos pola singularidade desta procesión encabezada polos féretros dos ofrecidos. Nesta ocasión foron 5 as caixas que procesionaron co Nazareno para agradecerlle a súa intercesión, case sempre, en temas de saúde.
Ademais da longuísima comitiva de fieis, a procesión contou coa asistencia da Banda de Música da Escola Naval de Marín que imprimiu aínda máis solemnidade ó acto. Participou tamén a banda da Pobra así varios grupos de gaitas. Un dos momentos máis emotivos foi a parada do Santo na Covecha na que os devotos aproveitaron para achegarse e pasar obxectos polo seu manto.











