A rúa Romero Ortiz será obxecto dunha remodelación integral

RIBEIRA> O concello de Ribeira procederá á remodelación da rúa Romero Ortiz dando así resposta ás queixas dos residentes e usuarios da vía. Entre outros elementos, precisa de pasos elevados e beirarrúas máis amplas e accesibles.

A rúa Romero Ortiz será a próxima en incorporarse ó plan de humanización do casco urbano de Ribeira. E é que precisamente a semipeonalización do centro obrigou a boa parte do tráfico a desviarse por esta vía que soporta na actualidade unha gran densidade de tráfico. O deterioro do firme ou a ausencia de numerosos treitos de beirarrúa supoñen un importante risco tanto para os condutores como para viandantes o que levou ó grupo municipal do PSOE a solicitar unha intervención urxente.

Tanto o goberno como o resto da oposición coincidiron na necesidade de acometer unha remodelación integral. Á espera de poder desenvolver o proxecto, á máxima brevidade segundo se comprometeu o executivo, adoptaranse xa medidas provisionais como a colocación de dous semáforos para  regulación do tráfico na parte máis estreita da vía. Ademais da intervención na calzada e nas súas marxes, os veciños demandan tamén a colocación de mobiliario urbano e a habilitación de zonas verdes que contribúan a humanizar a zona.

Esta actuación virase sumar ás acometidas recentemente no centro da vila. As últimas na avenida Rosalía de Castro, en fase de execución, en na rúa de Lugo que xa está practicamente rematada. O concello informou que habilitará prazas de aparcamento nunha das marxes con espazos reservados para a zona azul así como espazos de carga e descarga para os establecementos comerciais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí