O PSOE, o PP e o BNG de Pontevedra valoran positivamente os resultados electorais

PONTEVEDRA> A alegría e a satisfacción inundou hoxe as sedes dos principais partidos pontevedreses. Tanto o PSOE, como o PP e o BNG valoraron moi positivamente os resultados acadados nas eleccións xerais. Uns resultados que foron analizados de xeito moi diferente por cada un dos representantes das tres agrupacións municipais.

O PSOE, o PP e o BNG valoraron esta mañá os resultados acadados nas eleccións xerais na provincia de Pontevedra. Unhas cifras que foron analizadas de xeito moi diferente polos representantes municipais destas tres agrupacións. Os socialistas conseguiron revalidarse como primeira forza na provincia e manter así os seus tres deputados.  Algo que foi valorado moi positivamente por Tino Fernández.

A satisfacción estivo tamén presente esta mañá na sede local do PP. Rafa Domínguez asegurou que o seu partido fixo un gran traballo á hora de conseguir cambiar a tendencia e de reducir a brecha que existía con respecto aos socialistas. Ademais, o voceiro municipal fixo fincapé na vitoria do PP en parroquias como Praceres ou Campañó.

O terceiro protagonista desta xornada foi o BNG que, a pesares de non obter representación en Pontevedra, consegue regresar ao Congreso e cumprir así o seu obxectivo principal.

As eleccións xerais deixan por tanto unha gran satisfacción na meirande parte dos partidos pontevedreses que poñen xa o foco na vindeira cita coas urnas, as eleccións autonómicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí