A POBRA> O cine volveu ser o protagonista do calendario solidario de AMBAR. Doce portadas de películas españolas que conmemoran diferentes fitos acadados pola entidade nos seus corenta anos de vida.
Os usuarios da asociación AMBAR xa posan como auténticos profesionais ante o obxectivo de Pichero. Nove anos despois do seu primeiro calendario solidario, a entidade segue a apostar por este proxecto que, ademais de recadar fondos, supón todo un acontecemento para os seus participantes.
Títulos como La Colmena, La Casa de Bernarda Alba, Libertarias ou La Trinchera Infintiva compoñen este calendario que conmemora tamén moitos dos logros conseguidos por AMBAR nos seus corenta anos de vida como a a posta en marcha do servizo de transporte adaptado, os programas de alfabetización ou a inauguración do seu centro de recursos.
O bo resultado final non fai máis que seguir animando a tódolos colaboradores a dar continuidade a esta iniciativa que, na súa próxima edición, cambiará películas por series.
Os interesados en facerse con algún exemplar xa os poden reservar tanto na web da asociación como en diversos puntos de venda físico de toda a comarca que se poden consultar nas redes socias da entidade. Iso si, mellor facelo canto antes porque sempre se esgotan antes do Nadal.