O Consello de Cultura Galega e o concello de Ribeira asinan un protocolo de colaboración

RIBEIRA> O concello de Ribeira vén de asinar un protocolo de colaboración co Consello da Cultura Galega.  A primeira das actividades enmarcadas neste convenio será unha xornada sobre oficios do mar que se desenvolverá o 3 de xullo na capital do Barbanza.

O alcalde de Ribeira e a presidenta do Consello da Cultura Galega asinaban esta mañá o convenio que marcará o inicio dunha estreita colaboración que ten por obxectivo descentralizar as actividades que promove a entidade achegando a cultura a vilas como Ribeira.

A primeira actividade enmarcada nesta colaboración será unha xornada sobre cultura marítima dedicada ós oficios do mar centrada nas redeiras e carpinteiros de ribeira.

Trátase da primeira das moitas actividades que o Consello achegará a Ribeira dotándoo dunha extensa programación para potenciar a lingua e a cultura galegas así como a recuperación do amplo patrimonio industrial relacionado co mar que salpica as costas do Barbanza.