PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra ten lista a programación da nova tempada do Pontevedra Capital Gastro no Mercado de Abastos. Unha proposta variada, composta por diferentes microeventos que buscan converter o gastroespazo nun punto de encontro na cidade. Desenvolverase ata o mes de maio e inclúe novidades, como un festival de cinema gastronómico ou un foro de novos talentos da cociña atlántica.
Pontevedra ten listas novas propostas para encher de actividade o Mercado. O proxecto Pontevedra Capital Gastro volve con forza, cunha segunda parte da programación que se estenderá ata o mes de maio.
Unha das novidades é a aposta por poñer en marcha un festival de cinema gastronómico. Serán 12 sesións entre o 3 de febreiro e o 10 de maio e contará coa colaboración de restaurantes da cidade.
Outra das novas propostas é o Foro de novos talentos da cociña atlántica. En colaboración co Centro Integrado de FP Carlos Oroza, desenvolverase do 5 de febreiro ao 6 de marzo con charlas, showcookings, música e catas comentadas da DO Rías Baixas.
A programación arranca mañá mesmo. Será da man dos Mercados Creativos, que se desenvolverán tamén os días 14 e 28 de febreiro, 14 e 28 de marzo e 11 e 25 de abril. Na xornada deste sábado, a temática será ‘a ilusión’.
Ademais, o Mercado de Emprendemento incorporará novas iniciativas. Son ‘Artesa Saudable’, encabezado por Sonia Iglesias Cancela, especializada en panadería vegana e sen glute, e ‘A Morena’, de Cristina Rodríguez, dedicada a marmeladas vexetais artesás con baixo contido en azucre.











