PONTEVEDRA> O grupo provincial do PP presentará, no vindeiro pleno da Deputación, unha moción para esixir a reapertura dos edificios centrais do Museo de Pontevedra. En concreto, o de Castro Monteagudo e o de García Flórez. Os populares pedirán ao goberno provincial que lle de prioridade á rehabilitación destes dous inmobles antes de construír unha nova nave en Valdecorvos.
“Pechados baixo chave de forma indefinida”. Así é como están, segundo o PP, estes dous edificios do Museo de Pontevedra. O Castro Monteagudo e o García Flórez pecharon as súas portas en 2013. Unha situación que foi criticada esta mañá polos membros do grupo provincial do PP e que será trasladada ao vindeiro Pleno da Deputación.
Os populares están convencidos de que estes dous edificios non son unha prioridade para o goberno provincial e, por iso, esixen maior claridade ao bipartito da Deputación.
Os membros do grupo provincial do PP critican ademais a decisión do goberno da Deputación de construír unha nova nave en Valdecorvos, antes de reformar estes dous edificios.
O vicepresidente da Deputación non quixo pasar por alto estas declaracións. César Mosquera asegurou esta mesma mañá que se está a traballar de forma simultánea tanto na mellora destes dous edificios como na construción do de Valdecorvos.