PONTEVEDRA> Os traballadores das oficinas de ENCE e o sindicato Comisións Obreiras anuncian novas mobilizacións contra a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga da concesión en Lourizán. Sairán á rúa, aseguran, con máis forza, e procurando converter isto nunha causa social. Promoverán a creación dunha plataforma en defensa da continuidade de ENCE en Lourizán na que agardan contar co apoio de diferentes colectivos. Ademais, afirman que a sentenza demostra a falta de independencia xudicial.
O comité de empresa das oficinas de ENCE e Comisións Obreiras queren demostrar que a sentenza da Audiencia Nacional contra a prórroga da concesión da pasteira non os vai frear. Hoxe anunciaron novas mobilizacións.
Para facer máis forza, anunciaron que buscarán a colaboración doutros colectivos de toda Galicia, coa creación dunha plataforma que denfeda a continuidade de ENCE.
Amosáronse esperanzados coas opcións que poden ter os recursos que se presentarán ante o Tribunal Supremo. Matizan que, mentres non haxa sentenza firme, non se pode dicir que ENCE ten que marchar de Lourizán.
Criticaron tamén a celebración da Mesa de Diálogo e aseguraron que o obxectivo do Goberno Central é pechar a pasteira.
Comisións Obreiras, pola súa banda, incluíu nas crítícas á Xunta de Galicia. Pedrosa asegurou que nin o goberno autonómico nin o central presentaron en Bruxelas ningún proxecto para buscar a continuidade de ENCE.