RIBEIRA> A consellería de Medio Ambiente procedeu á sinatura de dous convenios de colaboración por valor de setecentos cincuenta mil euros. Os acordos permitirán adquirir un inmoble destinado a biblioteca así como iniciar a redacción do proxecto do novo auditorio.
A través da sinatura destes acordos materialízase o compromiso da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda con Ribeira. O primeiro deles, por valor de cento trinta mil euros, está destinado á redacción do proxecto do auditorio, dando así o primeiro paso para a construción dunha infraestrutura cultural de referencia en toda a comarca. O outro dos acordos permitirá a Ribeira beneficiarse do Fondo de Cooperación impulsado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. Trátase dun crédito sen xuros, por valor de douscentos corenta e cinco mil euros, destinados á compra dun inmoble ruinosos que se procederá a rehabilitar para convertelo en biblioteca e sala de estudos.
Non é a primeira vez que Ribeira se beneficia deste fondo posto que xa o pasado ano recibiu un crédito de máis de medio millón de euros para o acondicionamento interior e illamento térmico da unidade de atención ás drogodependencias.